Estimado Sr. Conselleiro,

Agradecémoslle a atención prestada onte no pleno do Parlamento de Galicia ao plan de encanamento do río Sarria en resposta a unha pregunta da deputada do BNG Ana Pontón, orixinaria da comarca de Sarria. Agradecémoslle tamén a boa disposición mostrada para introducir melloras no proxecto. Antes de nada, queremos tranquilizalo no sentido de que por parte da Plataforma Sarriana polo Río non hai nin mentiras nin manipulacións. O noso interese, e esperamos que sexa un interese compartido pola consellería que vostede encabeza, é a redución, na medida do posible, do risco de enchente (obxectivo que non acadan as obras que se están a executar) mediante un proxecto inspirado por un espírito máis próximo á conservación e á recuperación que á destrución inxustificada da beleza e da riqueza do medio ambiente, do patrimonio cultural e da paisaxe.

Vostede ten razón cando di que o proxecto foi promovido e está a ser executado pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, que depende do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

Pero é demasiado modesto cando describe o papel que lle corresponde á Xunta de Galicia. Para comezar, o financiamento e a execución destes traballos foron obxecto dun Convenio de colaboración entre a Confederación Hidrográfica, o Concello de Sarria e a entidade pública empresarial Augas de Galicia, adscrita á Consellería de Medio Ambiente, que financia un 20% do orzamento. Pero sobre todo, grazas ás súas competencias en materia de conservación e protección do patrimonio natural de Galicia, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da súa consellería está en condicións de garantir efectivamente, se esa vontade existe, esa consideración esixente dos aspectos medioambientais que vostede mencionou no pleno de onte.

Tamén ten razón, Sr. Conselleiro, cando di que a avaliación ambiental do proxecto corresponde ao órgano competente da Administración Xeral do Estado. Por iso, a Secretaría de Estado de Cambio Climático do Ministerio de Medio Ambiente adoptou o 2 de xullo de 2010 a Resolución sobre a avaliación ambiental do proxecto. Agora ben, con certeza coñece tamén que esa Resolución considera necesaria a modificación do proxecto para incluír determinadas condicións adicionais, que atribuían un papel relevante na garantía da protección ambiental á D.X. de Conservación da Natureza, e que esas condicións non están a ser respectadas.

Unha condición esencial da Resolución é o informe favorable da Dirección Xeral de Conservación da Natureza sobre a eliminación de obstáculos na canle. Porén, agora sabemos que o proxecto de encanamento foi aprobado e que as obras comezaron sen terse emitido ese informe. Sabemos máis, sabemos que ese informe nin sequera tiña sido solicitado cando empezaron as obras o 16 de novembro de 2013.

Aínda que a Resolución que establece esta condición é do 2 de xullo de 2010, si, 2010, a Confederación Hidrográfica non pedíu o informe ata o 16 de decembro de 2013, si, 2013. Cando a Confederación respondeu á nosa solicitude de información, o informe seguía sen chegar, pero as obras estaban a ser executadas. Que pasaría se chegase un informe desfavorable cando xa os danos ao medio ambiente fosen irreparables?

Se o bosque de ribeira que acompaña o río Sarria ao longo de todo o seu percorrido segue existindo entre a Ponte Ribeira e a Ponte de Ferro, se ese corredor ecolóxico de alto valor ambiental non ten sido interrompido de maneira brusca e irreparable, é porque na madrugada do 24 de febreiro un grupo de veciños de Sarria se encadeou ás árbores da Illa do Toleiro para protexelas fisicamente da corta masiva que estaba previsto iniciar ese día. Cos medios ao seu dispor, os cidadáns estaban a substituír á Administración na protección do medio ambiente.

O valor do que estamos a protexer resulta evidente da simple lectura do informe de 25 de xuño de 2009 da propia D.X. de Conservación da Natureza. Ese informe refírese aos dous ríos de Sarria, o Celeiro e o Sarria, e di literalmente: “Ambos cauces presentan un bosque de ribera en muy buen estado de conservación, especialmente el río Sarria que, incluso en el tramo urbano, conserva una vegetación arbórea autóctona considerable. Esta vegetación de ribera se encuadra en el hábitat prioritario 91E0 (Bosques aluviales de Alnus glutinosa y Fraxinus excelsior)”.

Pero é que, ademais, as obras estanse a executar precisamente no tramo no que o Camiño Francés a Santiago, protexido en tanto que Ben de Interese Cultural (BIC), cruza o río Sarria ao seu paso pola vila. Esas obras infrinxen de maneira grave e múltiple a normativa en materia de protección do Camiño de Santiago e, en concreto, polo que respecta ao bosque de ribeira, a disposición da Lei de Protección dos Camiños de Santiago en Galicia que prohibe a corta de arboredo dentro do ámbito de protección do Camiño. O bosque de ribeira do que estamos a falar, inmediato ao Camiño de Santiago, sitúase na súa totalidade no ámbito do territorio histórico integrante do BIC.

Polas razóns que anteceden, e outras que non hai tempo de explicar aquí, a Plataforma solicitou, entre outros, á D.X. de Conservación da Natureza a inmediata paralización das obras de encanamento do río Sarria. Ata agora non ten habido ningunha reacción á nosa solicitude.

Sr. Conselleiro, onte esqueceu no seu escano unha carpetiña de información que os membros da Plataforma tíñamos preparada con moito coidado para vostede. Queremos que coñeza o río Sarria, a riqueza ecolóxica, paisaxística e de patrimonio cultural das súas ribeiras e insuas. Que sexa consciente, dolorosamente consciente, como somos nós, do dano irreparable, da destrución inxustificada que causaría a execución do proxecto de encanamento tal e como está concibido. En definitiva, gustaríanos ter a oportunidade de entregarlle persoalmente esa carpetiña que onte quedou esquecida e, para iso, agradeceríamoslle moito que reservase na súa axenda un momentiño para encontrarse coa Plataforma Sarriana polo Río. Nós, xa sabe, MOLLÁMONOS POLO RÍO!

Reciba un atento saúdo,

A Plataforma Sarriana polo Río

Carpeta-escano-conselleiro-plataforma-sarriana-rio